Ainhoa Repáraz e Daniel Pazó coróanse como mellores deportistas de Baiona

Este sábado Baiona recoñeceu os logros e méritos deportivos alcanzados durante o pasado ano polos seus deportistas, clubs e entidades deportivas na súa VIII Gala do Deporte, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local. A Concellería de Deportes deseñou unha velada que estivo guiada pola xornalista Alba López e polo xornalista baionés Bernardo Montaña, contando ademais con intérprete de linguaxe de signos. O xurado técnico da gala, composto por membros dos clubs locais, elixiu as sete persoas gañadoras nas súas correspondentes categorías.

Ainhoa Repáraz (Atletismo) e Daniel Pazó (Atletismo) foron finalmente os elixidos como mellores deportistas de Baiona do 2022. Entre os candidatos tamén figuraban Mila López (HandBike), Loreto Rodríguez (Atletismo), David González (Loita) e Daniel Álvarez (Bolos Celta). Na categoría de mellores deportistas base, os premiados foron Xiana Fernández (Patinaxe) e Pedro de Brito (Surf). Tamén figuraban promesas do deporte como Brais Montes (Atletismo), Nicolás Míguez (Bolos Celta), Iria Ludeña (Piragüismo) e Coral Vázquez (Danza).

No relativo á Mellor Entidade de Baiona recibiu o premio o Baíña Fútbol Sala e como Mellor Evento Deportivo o galardón recaeu nos Campus de Verán 2022. Por último, a Bocatería Manduca foi a elixida como Mellor Patrocinador. Nestas categorías tamén foron finalistas Galicia en Danza, a Sociedade Atlética Val Miñor, o Trail Trans Serra da Groba, o Torneo Integra Erizana, Agua Sana e CaixaBank.

Ademais, dentro do apartado de Mencións Especiais homenaxeouse como mención especial individual a Antonio Liébanas Blanco, a Antón Iglesias Leyenda e a José Miguel Pérez Vázquez. Fíxose unha mención especial a todos os clubs de bolos de Baiona: Baredo Birlos Club, Club de bolos da Rega, Club de bolos Estivada, Club de bolos Medialdea, Club de bolos Portameán e Club de bolos Belesar – Urgal, “por seguir apostando polo deporte tradicional como é o bolo celta pero tamén polos múltiples logros conseguidos a nivel autonómico e nacional dos seus deportistas, facendo que Baiona convértase nunha das vilas con maior número de clubs de bolos celta de Galicia”.

Tamén mención especial a aquelas persoas deportistas, entidades ou eventos deportivos que poñen en valor, fomentan e participan no deporte adaptado e inclusivo na vila conseguindo así dar unha maior visibilidade e coñecemento. Neste sentido, na categoría individual a mención foi para Mila López e Julio Vilas. Mentres que a mención para as actividades ou proxectos que leven a cabo este labor foron o Torneo Integra organizado polo Erizana Club de Fútbol; a Xornada de Convivencia cos mozos do Centro Juan María (Día internacional das Persoas con Discapacidade); a participación con Down Vigo polo día do libro e outras moitas actividades realizadas ao longo da tempada polo Baíña Fútbol Sala; a Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, o Discapaciquad da ATV Distrito XVIII e o Programa Vincúlate levado a cabo pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.