O vindeiro sábado 25 e domingo 26 en Praia de Patos (Nigrán) celebrarase a 1ª Proba da Liga Nacional de Surfing Kids da Federación Española de Surf na que competirán as categorías Sub 14 feminino e masculino, Sub 12 feminino e masculino e Sub 10 mixto. A canteira do surf español competirá no famoso areal de Patos, un anuncio que conta con ondas rápidas e picos múltiples que melloran nos puntos de marea con algo máis de auga como a media marea e marea alta, e que permitirían medir o nivel dos deportistas que chegarán desde todas as comunidades autónomas. Ademais, durante o campionato estarán presentes CEMMA impartindo unha actividade divulgativa sobre as diversas especies que habitan a nosa costa e o domingo 26 ás 12:30 realizarase un simulacro de salvamento dun golfiño.
O domingo a proba coincide coa carreira Vig-Bay organizada polo Concello de Vigo polo que o tráfico permanecerá pechado pola estrada PO-325 entre as 10:30 e a 13:30, só poderase acceder á Praia de Patos pola PO-552 antes ou despois dese horario cruzando por Otero Pedrayo, baixando a Panxón e entrando a Patos por Tomás Mirambell, polo que se aconsella estar preto da praia ese día e evitar desprazamentos.
O evento está organizado pola Federación Española de Surf, a Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana, Solo Imprenta e Clínica Dental Fontán & De Brito, e coa colaboración especial de Mission Surf Shop, Deporte Galego, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

