O PP de Baiona denuncia o exceso de horas extras dos traballadores municipais

O Partido Popular denuncia que hai traballadores no Concello de Baiona que durante 2022 fixeron máis de mil horas extras ao ano, “algo sorprendente cando a lei non permite que os funcionarios e persoal laboral dun Concello (fóra da Policía Local) poidan facer anualmente máis de 80 horas”. E, o peor, segundo os populares, é que isto non é algo excepcional. “A desorganización do alcalde, o socialista Carlos Gómez, obriga a que o 80 por cento dos empregados do consistorio baionés pasen folgadamente este límite legal, algúns en tan só un mes, chegando a superar ao final do ano o milleiro”.

Un abuso das horas extras que para o PP repercute directamente na calidade do traballo, no rendemento, a conciliación familiar e na seguridade, especialmente naqueles que teñen postos de certo risco. Precisamente, tanto o Estatuto dos Traballadores Públicos como o dos funcionarios buscan evitar estas situacións prexudiciais para os propios empregados respectando e garantindo sempre os seus dereitos. En caso de superarse as 80 horas anuais máximas que recolle a lei significa que o persoal é insuficiente e que existe necesidade de novas contratacións que axuden a fomentar o emprego local. Máxime cando se trata dun Concello, cuxos xestores deben de dar exemplo e cumprir estritamente as leis.

“Unha situación da que é responsable máximo o alcalde, coa conivencia dos seus socios de goberno (BNG-NOS) e dos sindicatos que gardan silencio. Xa no 2021 o exceso de horas extras contabilizadas foi moi elevado, pero o pasado 2022 o consumo de horas foi esaxerado. Agora, en 2023, ano electoral, o PP puido comprobar que o tripartito está totalmente desbocado”, sinalan.

Gastan 163.000 euros en extras cando o máximo eran 80.000

Co benestar dos traballadores municipais e o cumprimento da lei como prioridade máxima, os populares tamén poñen o acento no custo económico que supón para as arcas públicas este exceso de horas extras. Só en 2022 o alcalde e o seu equipo gastaron 163.000 euros dos impostos de todos os veciños en pagar estes traballos que exceden da xornada laboral diaria, cando o orzamento municipal só reservaba para iso 80.000 euros.

É dicir, o ano pasado este goberno local multiplicou por dous o gasto en horas extras, unha cifra que nunca antes alcanzouse no Concello posto que esta figura está exposta para situacións excepcionais ou imprevistas que requiren dun reforzo laboral para garantir un servizo ou, mesmo, a seguridade dos cidadáns. “Con todo, para o alcalde gastar en horas extras sen xustificar xa é unha rutina diaria”.

En definitiva, os populares consideran que este descontrol nas horas extras, que en 2023 están a alcanzar aínda cifras máis elevadas, e a continua externalización de servizos desta lexislatura, non se ven reflectidos nas rúas e nos servizos aos cidadáns de Baiona, “que cada vez son máis precarios”.