Javiera Mena, Morgan, Samantha Hudson e Morreo súmanse ao cartel do festival Vive Nigrán

Diverso, diferente, divertido. Vive Nigrán chega cunha selección de artistas que farán que empeces o verán ao grande. Despois das confirmacións de Nada Surf e Ojete Calor, o cartel do festival Vive Nigrán crece con catro novas e grandes confirmacións: Javiera Mena, Morgan, Samantha Hudson e Morreo.

O festival promete mergullar ao público nunha sorte de emocións, onde teñen cabida a diversión, a paixón, a música e o encontro entre amigos. Un dos grandes eventos musicais do verán en Galicia e unha oportunidade única para gozar de grandes artistas nunha contorna privilexiada.

Superado con éxito o reto da anterior edición en 2022, a organización, fiel ao seu espírito, regresa este 2023 coa sétima edición do festival, que se situará de novo a escasos metros de Praia América, o seu incomparable escenario de cada verán no campo de fútbol de Monte Lourido.

O festival Vive Nigrán, que conta un ano máis co impulso de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que fomenta encontros ao redor do directo, busca seguir sendo un referente no verán galego, ofrecendo un cartel variado e de calidade.

NOVAS CONFIRMACIÓNS

Javiera Mena é xa toda unha icona do electro pop – queer. A artista chilena, nomeada ao Latin Grammy por “Otra Era”, publicou cinco álbums aclamados por crítica e público. Tocou en festivais por todo o mundo, desde o Coachella ata o Primavera Sound. Cancións como “Espada”, “Quédate un Ratito Más” ou “Dentro de Ti” farán bailar ao público do Vive Nigrán.

Desde que publicasen o seu segundo traballo, “Air” (2018), Morgan convertéronse nunha das bandas máis importantes do rock nacional. Parte da culpa é a marabillosa voz de Nina de Juan e de “Sargento de Hierro”, unha canción que se converteu xa nun himno da música nacional. Con “The River and the Stone”, o seu terceiro disco, ofreceron máis de 70 concertos en salas, teatros e festivais, ademais dunha xira por grandes recintos xunto a Fito & Fitipaldis. O pasado mes de xaneiro colgaron o cartel de sold out enchendo o Wizink Center.

Activista, diva, actriz, performer, cantante… Samantha Hudson é todas esas cousas e ningunha delas a un tempo. En 2021 debuta musicalmente con “Liquidación Total”, un álbum no que mestura sen pudor electrónica, pop, reggaeton ou eurodance. “Por España”, “Burguesa Arruinda” ou “Dulce y Bautizada” son algúns dos temas máis populares deste fenómeno pop da Xeración Z. Os seus directos son un divertido híbrido entre concerto e stand-up comedy con altas doses de senvergonzonería. Un espectáculo que promete non deixar a ninguén indiferente.

Co seu segundo traballo, “Alegría” (2023), Morreo convertéronse nunha das grandes revelacións da tempada. Rumba, disco e pop danse a man nun puñado de cancións entre as que están “Pansequito” (xunto a Soleá Morente), “Los Turistas” ou “Mosquito”. Un catálogo de pop iberoamericano colorido e luminoso que convida a bailar os seus ritmos tropicais.

O festival conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo. Ademais do apoio de Vibra Mahou, o festival tamén contará co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2023 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis.

As entradas xa están á venda a través da web do festival. Os abonos mantéñense ao prezo de lanzamento de 45€ máis gastos de xestión e as entradas de día saen a un prezo inicial de 25€ máis gastos (ata o domingo 26 de marzo ás 23:59). Os menores ata 5 anos terán acceso gratis ao festival (máximo 2 nenos por adulto).

O luns haberá cambio de prezo e pasarán a custar 50€ máis gastos o abono e 28€ máis gastos as entradas de día.