O BNG de Gondomar reclama unha conexión separada co saneamento para tres bloques da Avenida do Conde

O BNG reclama ao Goberno local que dote de conexión individualizada co saneamento municipal a cada bloque de vivendas dos números 9, 11 e 13 da rúa Avenida do Conde, tal como teñen solicitado en reiteradas ocasións as veciñas e veciños deses edificios.

Eses inmóbeis, situados en pleno centro da vila e que ían ser inicialmente pisos de iniciativa privada cunha soa vivenda por cada unha das tres plantas, acabaron reconvertidos en vivendas sociais con dous pisos por altura e tamén nos baixos, nos bloques 11 e 13, e de tres por altura e dúas no baixo no caso do portal 9. Así, o que nun principio ían ser 9 vivendas pasaron a se converter en 27, sen que as conducións de augas residuais foran dimensionadas para ese número de vivendas.

A concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, denunciou a ese respecto que as 27 vivendas verten na actualidade a un único colector de fecais que resulta insuficiente para ese volume. Ademais, advertiu do risco de colapso da tubaxe, que xa ten causado problemas de evacuación e saída de augas residuais nas vivendas máis baixas, sobre todo en momentos de moita choiva por non estar separada a recollida de pluviais das augas fecais.

Rodríguez lamentou que as veciñas e veciños continúen sen solución a eses defectos máis de 30 anos despois da súa construción en réxime de promoción pública. Nos últimos anos, explicou, trasladaron ao Concello a proposta de conectar cada un dos tres bloques de vivendas de xeito separado ao saneamento municipal. A última resposta que recibiron foi que só estaba “pendente dun permiso de tráfico” pero “diso hai xa máis de ano e medio”, cuestionou a edil do BNG.

A candidata nacionalista asegurou que dende o BNG solicitaron información no Concello a respecto desa posible actuación e “non consta nada”. Por ese motivo, explicou, presentaron unha moción para instar ao concello a acordar cos propietarios das vivendas a solución máis áxil e acaída a estes problemas.