Sin categoría

Gondomar dotará ás pistas de tenis de As Cercas de iluminación artificial de baixo consumo

O Concello de Gondomar dotará ás pistas de tenis de As Cercas de iluminación artificial de baixo consumo. Deste xeito as dúas pistas de tenis do complexo deportivo municipal poderán ser utilizadas nun horario moito máis amplo. O investimento, de máis de 45.000 euros, permitirá tamén a realización de torneos cando non haxa suficiente luz diúrna, unha demanda histórica do Club de Tenis Gondomar. As pistas de tenis municipais son utilizadas por centos de deportistas ao longo de todo o ano que deste xeito verán aumentados os horarios de uso. O Club Tenis Gondomar conta con cerca de 200 deportistas nas diferentes categorías e teñen cedido de xeito permanente o uso dunha delas. Co obxectivo de que este club siga acadando éxitos deportivos e poida proseguir co seu crecemento, o goberno local acomete este importante investimento.

O alcalde destacou que “o apoio ao deporte é, e seguirá sendo, unha das sinais de identidade deste goberno, xa que cada euro investido en deporte multiplícase por cinco en aforro, por exemplo en gasto sanitario”. Ferreira sinalou tamén que “a educación a través dos valores do deporte debe ser unha das prioridades de calquera administración, e por iso este goberno que presido multiplicou de xeito exponencial o investimento tanto en instalacións deportivas como no apoio a entidades e clubs, como o Club de Tenis Gondomar, que leva anos facendo un encomiable traballo no fomento da práctica deportiva na nosa vila”. “Ademais a instalación de luz artificial permitirá que se poidan desenvolver en Gondomar torneos de tenis de moito máis nivel, algo que será beneficioso tamén para o comercio e a hostalería da nosa vila”.