
O Concello de Nigrán abre do 19 de marzo ao 30 de abril o prazo para participar un ano máis no xa tradicional concurso de carteis “Quin Alborés”, dotado con 500 euros á proposta gañadora, e que ten como obxectivo difundir a imaxe do Nigranjazz 2023 na súa XVII edición. As bases completas poden consultarse na web do Concello http://www.nigran.es ou na propia Casa Consistorial. O certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o festival desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis.
Como en cada edición, o concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, sendo factible presentar cada unha delas (individualmente) un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, podendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.
“O Concello de Nigrán mantén unha vinculación estreita co mundo do jazz a través da súa programación musical, no verán co Nigránjazz e agora con Primavera de Jazz, e estamos moi orgullosos de fundir música e deseño baixo o paraugas deste xénero musical”, explica o alcalde, Juan González.