
O Concello de Gondomar fixo entrega este venres de 250 novas trampas para a vespa velutina de forma gratuíta tras a finalización do proceso de solicitudes que rematou hai uns días e que estivo aberto durante máis dun mes. Xunto coa trampa os beneficiarios recibiron unha dose de líquido atraínte, consistente nunha mestura de cervexa, viño, zume de arando e azucre nunhas proporcións concretas. Como complemento a esta campaña editouse un tutorial de uso en vídeo que xa está dispoñible no canal de Youtube do Concello. Con esta nova remesa, son xa máis dun milleiro as trampas entregadas polo concello nos últimos anos.
O alcalde Paco Ferreira quixo “agradecer a colaboración da cidadanía de Gondomar na loita contra esta especie invasora tan nociva”. Ademais o rexedor local sinalou que “temos que dar as grazas aos voluntarios medioambientais do concello polo seu gran traballo para erradicar a presenza da velutina na nosa vila, e lembrar que se alguén observa a presenza deste insecto pode poñerse en contacto co concello ou co teléfono 012”.
Esta época do ano é, segundo os expertos, a máis propicia para cazar as raíñas das colonias de avespa asiática, e recomendan que para unha maior efectividade, as trampas sexan instaladas en arbustos ou árbores que teñan flor, preferiblemente ás que as teñen de cores moi rechamantes.