
A Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán é xa oficialmente a mellor obra de nova planta en toda Galicia no ano 2022. O fallo da XX edición dos Premios COAG organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia foi desvelado este mediodía na gala celebrada na fábrica de Sargadelos de Cervo (Lugo). A Biblioteca do estudo vigués Gándara#Pons, recente finalista tamén no concurso de ideas para a nova delegación territorial da Xunta en Ourense, fora seleccionada como finalista entre 31 das 224 propostas presentadas, resultando finalmente gañadora na categoría “Edificios de nova planta”. Esta mesma construción, aberta ao público en novembro, acadou o ano pasado o premio ibérico Technal 2022 presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021.
“Foi unha obra difícil de levar a cabo e que se demorou máis do previsto pero o resultado está aí: é xa un edificio icónico de Nigrán que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país; sentímonos moi orgullosos da nosa Biblioteca porque combina beleza e harmonía cunha total confortabilidade para o usuario”, subliña o alcalde, Juan González, quen transmite o seu parabén aos arquitectos, Lucas Gándara e Juan Pons, e engade que o edificio é un lugar ao que acude moita xente ex-profeso só para coñecelo in-situ.
“Ser premiado polos nosos compañeiros arquitectos de toda Galicia é o máximo orgullo e resulta moi motivante porque somos un estudo moi pequeno, somos só dúas persoas que o fan todo. Temos que subliñar que estamos moi agradecidos a esta oportunidade que nos brindou o Concello de Nigrán porque gozamos sempre dunha absoluta liberdade creativa á hora de deseñar e incluso amoblar o edificio”, indican Lucas Gándara e Juan Pons, a quen o Concello encargou tamén o proxecto de remodelación da praza adxacente á biblioteca.
O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco). O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.
Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.
Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.
O mobiliario elixido estivo supervisado polos seus arquitectos e destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade. “Cada moble foi elixido atendendo á singularidade do espazo e función que vai ocupar porque se quixo dar unha imaxe unitaria e homoxénea que respectase a singularidade do edificio”, explican desde a adxudicataria Sutega, empresa galega responsable de proxectos similares como o amoblamento da Biblioteca Municipal Princesa Doña Leonor (Boadilla del Monte), a Biblioteca Municipal Los Corrales de Buelna (Cantabria) ou o Arquivo Histórico de Ourense e, xa na comarca, das novas oficinas da Zona Franca de Vigo.