Nigrán inaugura unha exposición de máis de 200 bonecas “Nancy” no seu 55 aniversario

O Concello de Nigrán ofrece do 17 ao 26 de marzo no Auditorio Municipal unha exposición de bonecas “Nancy” da coleccionista Marga Fernández, traballadora precisamente do Concello e coñecida en todo o país polos seus perfís de Facebook “El desván de Nancy” e “Margochiña Fernández”. A mostra está composta polos máis de 200 exemplares deste xoguete e 600 conxuntos que leva recompilando desde hai máis de 20 anos. A maiores, amosarase unha selección doutras bonecas da marca española “Famosa” de 1968 aos anos 80 como poden ser Barriguitas, Nenuco, Greta, Mariloli, Elen, Violeta… Todas coetáneas de Nancy, que este ano festexa os seus 55 anos. A mostra inaugurarase este venres ás 17:00 horas e poderá visitarse entre semana de 17:00 a 20:00 horas e en todos os eventos no Auditorio, sendo posible concertar visitas grupais do 20 ao 23 de marzo no teléfono 650605904.

Marga Fernández tivo a súa primeira “Nancy” sendo unha nena na década dos 70 pero a verdadeira devoción por esta boneca naceu hai 20 anos grazas ás redes sociais, cando descubriu a coleccionistas de toda España, sumándose de seguido a este fenómeno xurdido no 1968 en Alacante (casualmente, o mesmo ano en que naceu Marga). Desde entón, busca accesorios, traxes e todo tipo de complementos, ademais de asistir a convencións nacionais onde amplía e comparte os seus coñecementos con outros coleccionistas e participa en obradoiros específicos. Neste sentido, a seguinte cita de Marga será en outubro en Valencia para festexar o 55 Aniversario de Nancy.