Nigrán entrega o sábado os premios ás mellores miradas da súa natureza

A paisaxe de Nigrán inspirou a case 30 veciños e veciñas, pequenos e maiores, para saír á rúa coa cámara e crear un vídeo para mostrar a riqueza natural do seu concello. Este sábado ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a alfombra vermella estenderase para que os 8 finalistas e os 3 premios accésit presenten os seus vídeos a todo o público que desexe acudir á entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán” con entrada de balde.

O concurso vídeo literario nace da idea de querer potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que se divulga a gran riqueza natural de Nigrán. O Concello, Teatro do Ar e a Cooperativa SomosTerra destinarán máis de 1.000 euros en vales para que os gañadores e gañadoras consuman no comercio local.

Na categoría Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nados no ano 2011 ou posteriores, os finalistas son Gael Fernández co seu vídeo “Imaxinaba”, Aina Pereiro, Andy Valverde, Naia de Luis, Nicole Pereira, Sergio Buján, Mia Rodríguez e Iria Vicente coa súa obra “Natureza do Val”, e Mael e Maia Gómez coa súa creación “Pesca en Nigrán”. O xurado tamén quixo premiar cun accésit a Carlota Fontela e o seu vídeo “A reliquia de Nigrán”.

Na categoría Lourido, para mozos e mozas de Nigrán nadas entre o ano 2005 e 2010, os finalistas son Inés Román, Andrea Rodríguez Jerónimo Valverde e Carlota Vilas co seu vídeo “Coidar Nigrán” e Lucía Argüelles coa súa obra “Recordos de Nigrán”.

Na categoría Monteferro, para persoas maiores de idade, os finalistas son Duarte Cabral coa súa creación “Lugar para Namorar”, Enrique Malvar polo seu vídeo “Nigrán (en branco e negro)” e Sandra Comesaña e Inés Casal con “Lembranzas dun bambán”. O xurado tamén dotou dun accésit a María José Muguerza e Pascual Jesús Ares polo seu vídeo “A horta urbana” e aos actores e actrices do Juan María coa súa obra “Ollo con Nigrán”.

Dende a organización queren dar os parabéns a todas as persoas que se presentaron e destacar “a gran variedade e calidade das propostas”, así como, “agradecer o gran traballo do xurado composto por tres persoas que tamén fan de Nigrán un lugar mellor: o enxeñeiro e poeta, Francisco Fernández Davila, a contacontos e artista, Nanda Misa, e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Luisa Martínez.