Unha fin de semana chea de actividades culturais en Gondomar

O Concello de Gondomar é sen dúbida un dos concellos da provincia de Pontevedra con maior actividade cultural, de todas as disciplinas e para todos os públicos. Mostra diso é a próxima fin de semana na que haberá música, teatro e a proxección dun interesante documental.

O sábado 18 de marzo a programación cultural comezará ás 19:00 horas na Praza Rosalía de Castro, onde o grupo de música tradicional “Os Escaravellos” ofrecerá un concerto no que repasarán as principais pezas do seu repertorio. O mesmo sábado ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío terá lugar a proxección do documental “20 anos de dignidade”, como conmemoración do vinte aniversario da catástrofe do Prestige.

A mañá do domingo será a quenda do teatro infantil. Ás 12:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío representarase a obra “Nina Ninette”. Nina Ninette é un conto iniciático que se inspira na estética do Ballet Triádico celebrando o centenario da súa estrea, para danzar unha historia de beleza e rebeldía. As entradas para ambos os dous espectáculos xa están dispoñibles a través da taquilla electrónica do concello.