Baiona acollerá a máis de 500 deportistas amantes do baloncesto no XIV Torneo de Minibasket

Os próximos 1 e 2 de abril o Pavillón Municipal de Deportes de Baiona acollerá o XIV Torneo de Minibasket que reunirá a 32 equipos de toda Galicia, Portugal e do territorio nacional e que na mañá deste mércores presentouse no Salón de Plenos do Concello. Todos os equipos participantes son da categoría alevín, 16 masculinos e 16 femininos. Xa o venres 31 de marzo pola tarde, disputarase o torneo de tiros por parellas, mentres que o sábado 1 de abril celebrarase a fase de grupos, nos que se clasificarán os dous primeiros.

Doutra banda, o domingo, os equipos eliminados xogarán entre eles e os equipos finalistas disputarán os play-offs de eliminación directa. O Pavillón Municipal acollerá toda unha fin de semana de baloncesto, pois esta disciplina disputarase desde as 9:00 ata as 22:00 horas ao longo destes días, 74 partidos en total. A final masculina será ás 17:00 horas e a feminina ás 18:00 horas. Xa ás 19:00, terá lugar a entrega de premios.

Á rolda de prensa de presentación celebrada este mércores asistiron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a Concelleira de Deportes de Baiona, Andrea Pérez González, Fernando Pérez, Delegado da Federación Galega de Baloncesto, Severino Castiñeiras, Presidente do Club Baloncesto Baiona, e Manuel Bouzas, Fundador do Club Baloncesto Baiona.

O Alcalde de Baiona agradece “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a máis de 500 deportistas durante esa fin de semana”. Gómez Prado tamén quixo “poñer en valor o traballo feito ao longo de todos estes anos polo Club Baloncesto Baiona”.