
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, defensor das tradicións e da protección do patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e ambiental da vila de Baiona reforza o seu compromiso para a defensa dos garranos na Feira Internacional de Berlín. O proxecto do Safari Etolóxico dos Garranos posto en marcha na primavera de 2022 pola Concellería de Turismo de Baiona e a Asociación Finca Moreiras, no apartado de Cultura e Tradición ocupou unha das seis primeiras prazas do podio polo compromiso á sustentabilidade, respecto do medio ambiente e promoción da cultura natural da vila.
Para reforzar este compromiso ambiental o Concello de Baiona saca o libro “A walk in Baiona”, que conta a historia de Artai, un pequeno garrano da Serra da Groba que unha mañá esperta a carón dunha estraña árbore que ocupa o lugar do seu amigo Quer, o carballo que o arrolaba polas noites. A partir de aí, buscará pola costa de Baiona, xunto ao boi Breogán, quen o axude a salvalo. “A walk in Baiona” é un libro infanto-xuvenil de 82 páxinas a cor. Conta con actividades ecuestres e medioambientais para xogar e aprender en familia, ademais dunha ruta descargable nun código QR cos textos e as ilustracións para realizar en 8 etapas o percorrido do conto.
O libro “A walk in Baiona” está escrito polos escritores Soledad García e Fran Fernández Davila, con tradución ao inglés deste último, ilustracións da pintora Laine Villero, maquetación da deseñadora Natalia Guisande e revisión lingüística por Pablo Fernández Bello.
As tres afoutas mulleres forman Solaina, cualificada como a revolución artística do Val Miñor, pois dende que publicaron o primeiro libro “Dedas” en outubro de 2021, non deixa de medrar e sorprender con novos libros que apostan pola cultura e a riqueza ambiental do Val de Miñor. A escritora Soledad García pensa que o libro servirá de exemplo para as vindeiras xeracións da importancia da herdanza que temos de contar cos garranos nos montes e as serras e a nosa obriga de axudar a súa protección.
Carlos Gómez expresa que o Safari Etolóxico dos garranos e o libro “A walk in Baiona” serán instrumentos turísticos de gran valía para reforzar o compromiso ambiental de Baiona a nivel internacional e reforzar hábitos de vida saudables coas 8 rutas do libro que servirán de base para futuros proxectos na oficina de turismo en Semana Santa e períodos estivais.