
Un regreso e unha incorporación reforzan por partida dobre ao Vigo-Rías Baixas para a primeira rolda por etapas da tempada. O oscense Pablo Ara, recuperado da fractura de clavícula que sufriu o pasado verán, e o prometedor colombiano Juan Pablo Ortega aparecen como novidades no potente bloque que a estrutura presidida por José Luis Chamorro presentará este mércores no arranque da Volta Estremadura. Gañador da xeral desta proba no 2021, o conxunto flúor afronta cinco días de competición coa máxima ambición.
O retorno de Pablo Ara supón para a formación olívica volver contar cun dos seus ciclistas máis destacados. O pasado mes de xullo, días despois de asinar unha notable décimo quinta posición no Campionato de España Sub23, un accidente adestrando obrigoulle a dar por finalizada a campaña moito antes do previsto. Despois dun longo proceso de posta a punto, o vixente campión de Aragón Sub23 estréase nunha aliñación de Jesús Blanco Villar.
O director deportivo do Vigo-Rías Baixas tamén vai ter por primeira vez ás súas ordes ao flamante última fichaxe deste proxecto. Juan Pablo Ortega, de 18 anos, aterra no ciclismo europeo avalado polos seus resultados en Colombia. O corredor de Belo Antioquia anotouse en 2022 unha etapa da Volta ao Tolima e colgouse a medalla de ouro na proba de velocidade por equipos do campionato estatal de pista. Procede do equipo Sistecrédito GW.
O resto de integrantes da aliñación para a rolda estremeña ten en común iniciar a tempada a bo nivel. Ademais de Asier González, noveno clasificado na xeral da Copa de España tras a disputa das dúas primeiras carreiras, o “sete” compóñeno Miki Valls, Keegan Swirbul, Martín Barrero e Aitor Bugarín. Unha escuadra capacitada para brillar en todos os terreos.
As cinco xornadas da Volta Estremadura empezan cunha contrarreloxo por equipos en Plasencia. Todas as etapas en liña ofrecen un final esixente, en especial a chegada no alto do sábado en Hornachos. Esta cita non é a única na axenda semanal do Vigo-Rías Baixas, que o sábado e o domingo participará nas clásicas zamoranas.