
A frota de J80 de Galicia espera poder disputar, este sábado, a terceira xornada da Liga de Inverno Baitra J80, que desde que comezou o pasado mes de febreiro, apenas puido celebrar unha das seis probas programadas. Os caprichos do vento, que nas dúas xornadas iniciais non soprou coa intensidade suficiente, impediron aos J80 puntuar máis aló dunha única manga celebrada na etapa inaugural. Gañouna o Alboroto, de Juan Carlos Ameneiro, e serviulle ao actual campión de España da clase para colocarse na cabeza da clasificación, onde permanece desde entón.
A segunda xornada quedou completamente en branco, sen vento, sen probas e sen novos puntos na táboa. E así é como se chegará, este sábado, á terceira das seis fases que compoñen este 2023 a liguiña invernal do Monte Real Club de Yates. Unha competición que se disputan un total de 26 monotipos, a cifra máis alta de inscritos desde que se vén celebrando a Liga. E é que a proximidade do Mundial de J80 que se celebrará en Baiona o próximo mes de setembro, animou aos armadores e regatistas galegos a participar nestes trofeos previos, que lles serven de adestramento para a cita mundialista.
Para este sábado, os partes móstranse máis positivos. Anuncian ventos de compoñente sur que soprarán cunha media duns 12 nós e picos que poderían achegarse ou mesmo superar os 20 nós. Tras a primeira posición da táboa, que ocupa o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, Juan Lago, Javier Lago e Javier Aguado; aparecen, en segunda e terceira posición, o Maija, de Castor Alonso; e o Miudo, de Marga Cameselle. A Liga de Inverno de J80 do Monte Real Club de Yates celébrase, un ano máis, grazas ao patrocinio de Baitra Accesorios Navales.