O grupo galego “Pelica de Can” actuará este sábado na gala dos XI Premios Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 11 de marzo a gala dos XI Premios Nigrán desde as 20:00 horas no Auditorio Municipal. O acto, aberto á participación da veciñanza, contará coa actuación do trío galego “Pelica de Can”, liderado por Leni Pérez, moi coñecida pola súa intervención durante anos na TVG como especialista en folclore ou pola súa participación noutros grupos como Os Escaravellos. O Concello quere deste xeito render tributo tamén ao “Día da Gaita” que coincide nesta semana (o venres 10 de marzo).

Nesta undécima edición o Concello recoñecerá á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor no eido Social, á Escola Infantil “As Dunas” no Educativo, á tenda de “Lila” no Empresarial, á Rondalla de Santiago de Parada no Cultural e, finalmente, á Sociedade Atlética Val Miñor no Deportivo. Sobre cada un deles se proxectará un pequeno vídeo documental antes de entregarlle a un representante o consabido galardón conmemorativo.

A corporación de Nigrán acordou por unanimidade render homenaxe a estas entidades neste xa consolidado acto institucional de recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria de cada un dos premiados.