
O Concello de Nigrán, Teatro do Ar e Somos Terra, dentro da súa programación conxunta do “Mes da Natureza”, ofrecen o domingo 12 de marzo ás 11:00 horas unha ruta teatralizada polo sendeiro dos muíños de Camos (Os Matos-Río Táboas). A actividade é gratuíta e as persoas que asistan terán que traer roupa cómoda, xa que haberá unha hora e media de camiñada á beira do río. O punto de saída é o cruce entre a rúa Rial e Sobral e para participar hai que cubrir este formulario.
Durante a ruta e da man dos actores e actrices poderase retroceder no tempo e ver unha das principais actividades de Camos e Chandebrito na súa historia, o traballo no muíño. Os veciños e veciñas pasearán polo antigo camiño que unía as dúas parroquias e tamén gozarán do pequeno bosque de ribeira que crece ao carón do río Muíños. No caso de choiva a actividade adiarase para vindeiras datas.