Baiona inaugura unha exposición sobre as mulleres que forman parte das Axendas Igualitarias

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona continúa coas actividades da “Primavera Lila”, a programación deseñada conxuntamente coa dirección do CIM con motivo do 8M. Así mañá, o propio Día Internacional da Muller, o acto central desta data sinalada terá lugar ás 19:30h no Multiusos Mercado de Sabarís, onde tras o éxito da posta en marcha da Axenda Igualitaria, este espazo acollerá a inauguración da exposición das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte deste bonito proxecto iniciado no 2021.

Tamén, durante unha semana, a fachada do edificio do Concello de Baiona estará iluminada de cor lila para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Desta maneira o consistorio mostra o seu compromiso coa equidade de xénero e o impulso de políticas que traballan para erradicar a desigualdade entre mulleres e homes. A Concellería de Iluminación Pública do Concello de Baiona foi a encargada de levar a cabo os traballos para a iluminación.