Nigrán pecha o Entroido coa celebración do tradicional enterro do kiko

O Concello de Nigrán pecha o seu Entroido este sábado 4 de marzo co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor. O animal estará exposto a partir de mañá na entrada do Auditorio Municipal, desde onde partirá cara o Torreiro de Parada o sábado ás 18:30 acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de entroido “Xeada en Parada”, a charanga “Vaite Xa”, “autoridades” e demais asistentes. Previamente, desde as 18:00 horas, a Praza do Concello estará animada pola música en directo da charanga e o tradicional responso do “cura”. Este ano, excepcionalmente, o “kiko” non será tirado por unha parella de bois ao ter falecido un deles inesperadamente, pero xa dispoñen de relevo para o vindeiro ano.

O kiko será velado a partir das 19:30 horas no Torreiro, onde o pregoeiro Antonio oficiará un funeral no que non faltarán as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima. A xornada rematará á noite co concerto de D´Líder (Prosy e María Rúa) previsto para as 21:30 horas.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.