
O segundo round da Copa de España Elite-Sub23 leva ao Vigo-Rías Baixas á Rexión de Murcia. O XXXII Trofeo Guerrita-Memorial Juan Romero e Diego Sánchez ofrecerá este domingo o primeiro contacto do certame estatal coa media montaña. Chega a quenda dos escaladores e por iso a estrutura presidida por José Luis Chamorro introduce un par de novidades na súa aliñación.
Dous prometedores asturianos incorpóranse ao bloque que o pasado domingo disputou o Circuíto Guadiana na provincia de Badaxoz. Martín Barrero, gañador da clasificación da Montaña no Memorial Jesús Pereda hai dúas semanas, e Pelayo Alonso, un corredor que este ano deu o salto ao pelotón elite-sub23 procedente da escola de ciclismo Las Mestas, entran no “sete” flúor. Asier González, Miquel Valls, Alejandro del Cid, Sergio Quevedo e Bernat Tarrés serán os outros corredores que dirixirá Jesús Blanco Villar en terras murcianas.
O arranque da Copa de España serviu ao Vigo-Rías Baixas para ir tomando posicións na clasificación xeral individual e tamén na táboa por escuadras. Os seus dous xefes de filas, o burgalés González e o balear Valls, terminaron entre os 20 primeiros nunha das citas desta competición que menos se adapta ás súas características. Por equipos, a formación olívica saíu de Estremadura ocupando a oitava praza.
A clásica deste domingo, con saída e meta na localidade de Alcantarilla, presenta un inicio explosivo. No primeiro terzo dos seus 166 quilómetros de percorrido ascéndese en dúas ocasións o Alto da Perdiz. A primeira vez afrontarase pola súa vertente máis dura, sendo puntuable de 1ª categoría, e a segunda subida está catalogada de 3ª. A partir de aí, a carreira ofrece un terreo rápido e sen portos que repartan puntos para a Montaña.
O podio do Trofeo Guerrita é un dos poucos que se lle resiste ao Vigo-Rías Baixas na Copa de España. Nesta ocasión a proba poderá seguirse en directo desde as 12:00 horas a través da canle de YouTube de Sportpublic.