Gondomar, a canteira miñorana de artistas urbanos

Gondomar apúntase un suma e segue nas artes urbanas cun novo espazo a golpe de spray, e é que ao pioneiro “Gory” saíulle un sucesor. Seguindo o seu ronsel nos piares da ponte da autoestrada AG-57 en Vilaza, Samu Piñeiro Durán, un mozo de Donas de tan só 12 anos de idade, propúxose crear un auténtico museo ao descuberto servíndose da última tendencia estadounidense, os murais interactivos, que, xogando coa perspectiva, permiten introducirse nas composicións. A idea aínda vai máis aló porque as obras estarán interconectadas entre si mediante códigos QR. Así, a través da ligazón incorporada nos murais situados no cruzamento que leva ao Centro Cultural de Vilaza, os visitantes obterán o itinerario para chegar aos realizados por Gory a poucos metros, anos atrás, pero tamén se interconectarán con calquera elemento patrimonial de interese como os pazos de Villarés ou Papillón, entre outros.

A Samu a paixón por pintar vénlle de moi pequeno, concretamente desde os seis anos, cando viu ao seu mentor en acción pintando un mural no colexio de Donas. “Vino e quedeime flipando, molaba moito”, relata o mozo, que sen pensalo correu a dicirlle á súa nai o que presenciara. Un 6 de xaneiro, Samu recibiu como agasallo de Reis o seu primeiro spray e un vale por unhas clases de pintura que como non podería ser doutro xeito tiñan que ser impartidas á forza por Gory. A partir de aquí comezou unha relación que hoxe se materializa nos piares de Vilaza. Man a man e do bosquexo á parede están a representar o que para o gondomareño é unha visión apocalíptica provocada polo cambio climático. Oito probetas cheas de formol e sete especies extintas, unha delas baleira para que os visitantes poidan retratarse dentro e colgar a súa foto en redes sociais. Levan dúas semanas a razón de catro horas diarias e contan con rematar antes de que remate o mes. Para iso necesitarán máis de 200 botes de pintura. A idea é seguir pintando noutros lugares, algo no que o Concello xa está a traballar.