A Comparsa de Mañufe desfila este domingo pola súa parroquia

Como fin do Entroido, a comparsa da Asociación Carnavales de Mañufe, coa temática “Pouco Corrente”, desfilará este domingo día 25 de febreiro pola súa parroquia. O desfile comezará ás 12:15 horas dende a Capela de San Sebastián do Portelo ata o Cruceiro de Mañufe, barrio de Texosa-Fontán.

Dende a directiva da comparsa queren agradecer aos compoñentes desfilantes, os auxiliares de montaxe das carrozas, as auxiliares de corte e confección, os condutores dos vehículos, os que prestaron desinteresadamente os seus vehículos e en xeral a todos os que achegaron o seu gran de area para levar a cabo con éxito todos os desfiles nos que participaron.

Primeiro premio en Bembrive

A comparsa “Pouco Corrente” conseguiu este sábado o primeiro premio na categoría de adultos no concurso organizado pola Entidade Local de Bembrive en colaboración con varias asociacións da parroquia viguesa. As agrupacións participantes desfilaron pola Estrada de Bembrive, concretamente no tramo comprendido entre a confluencia da Rúa dos Troncais coa Rúa Eifonso e o Centro Cultural do Torreiro da Ponte.