A Xunta aproba o proxecto do aparcadoiro disuasorio en Nigrán

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de trazado para a execución do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Nigrán. Concretamente habilitarase no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar. Este aparcadoiro disuasorio, con 72 prazas e un investimento de preto de 685.000 euros, reservará 2 prazas para persoas con mobilidade reducida e disporá da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Este novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da vila, situarase na zona próxima ao punto quilométrico 8+800 e contará cunha superficie total de 3.500 m². Contará, ademais, dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de largo e de sentido único. No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de árbores e iluminación, que irán separadas das prazas por un bordo.

Ademais da aprobación do proxecto de trazado, o Consello da Xunta tamén autorizou o expediente de información pública desta intervención. Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destinará este ano 29,3 M€.

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais.