A banda miñorano-viguesa The Mirror lanza un novo single coa súa produción visual máis ambiciosa

O novo single do grupo de rock The Mirror chámase “Arde” e no seu videoclip participaron máis de 50 persoas en 3 localizacións diferentes. Sen dúbida, un traballo ousado e ambicioso para unha banda independente, cun proxecto musical totalmente autoxestionado e autofinanciado dende o ano 2018. Foi entón cando a banda comezou a crear as súas propias cancións con influencias que abarcaban dende o rock, soul, funk ou o hard rock. Dous anos máis tarde e en plena pandemia, despois de recadar o diñeiro necesario tocando por locais vigueses e miñoranos, The Mirror presenta o seu primeiro disco homónimo con 9 potentes temas en inglés. Este álbum cultivou grandes críticas a nivel nacional como a de Iñaki Marabao da revista Arpha Press: “Un álbum debut fantástico, deses que hai que escoitarse en bucle. Grandísimo traballo”; ou da revista Muzikalia: “Con intensas cancións de moi inmenso “groove” (…) a formación Pontevedresa móstrase como uns moi competentes revivalistas setenteiros (…) e hai que tela moi en conta dentro do rock peninsular”.

Dende entón, non pararon; vitorias en concursos de bandas, colaboracións con outros grupos e artistas, un videoclip coa atleta paralímpica Desirée Vila como actriz principal e ante todo unha xira por diferentes salas e festivais das Rías Baixas, levando o seu potente directo a escenarios como os do Festival Solpor de Monteferro, o Millo Verde de Redondela ou a Sala Rebullón, entre moitos outros. Todos estes concertos levoulles a conseguir este pasado ano 2022 un nomeamento a mellor directo nos Premios Maketón da Música, de Los 40 Principales de Vigo. Este 2023 a banda tráenos “Arde”, un novo e potente tema de rock gravado en Estudios Mafia, Carballiño, onde a banda abandona as súas letras en inglés para contarnos de forma máis directa unha historia de loita e reivindicación. Para a gravación do seu videoclip traballaron coa produtora baionesa Samaín Producións e contaron coa participación dun grupo variado de máis de 50 persoas de toda Galicia e 3 localizacións diferentes como son o Auditorio Municipal de Baiona, e espazos exteriores de Gondomar e Oia. No seu videoclip, un sen fin de rostros diferentes miran a cámara desafiantes plantando cara á inxustiza dunha misteriosa e malévola personaxe. As interpretacións poden ser moitas pero iso si, o resultado promete non deixar a ninguén indiferente.

O vindeiro sábado 25 de febreiro no local O Monopatín de Patos, Nigrán, The Mirror realizará unha premiere exclusiva coa primeira proxección do videoclip da canción para todos aqueles que non poidan esperar ao martes 28 de febreiro, que é a data prevista para o lanzamento de “Arde” en todas as plataformas dixitais e do videoclip á rede de Youtube.