“Unha comparsa pouco corrente” de Mañufe gaña o terceiro premio en Tui

Miles de persoas ateigaron na tarde deste martes as rúas novas de Tui para presenciar o desfile-concurso de Entroido que volveu con todo o seu esplendor nunha tarde na que o colorido, a imaxinación, a sátira, o humor, as coreografías luciron ao longo do percorrido.

“2023 A Odisea Tudense” da charanga Cantos Somos foi a gañadora na categoría absoluta cunha parodia sobre as obras actuais en Tui e os problemas de circulación. Outra sátira local neste caso sobre a lentitude das obras que unen Malvas e Tui da comparsa “Construccións Mal-Vas” da Asociación Cultural e Recreativa Arume de Malvas levou o segundo premio na categoría absoluta. O terceiro premio foi para a recreación do campo eléctrico do século XIX realizado pola Asociación Cultural de Mañufe, Gondomar, titulada “Unha comparsa pouco corrente”.

En carrozas as gañadoras foron “Unha comparsa pouco corrente” da Asociación Carnavales de Mañufe co primeiro premio, “Picoñasa” da Asociación En Loureiro coma sempre co segundo, “2023 Odisea Tudense” da Charanga Cantos Somos co terceiro, “Egypto” da Asociación Cultural de Pontellas co cuarto, “Hindús” da Asociación Pandilla co quinto, e por último “Xeada en Parada” da Asociación Cultural Parada do Miñor levou o sexto premio.

En acompañamento musical “2023 Odisea Tudense” levou o primeiro premio, seguida de “Construccións Mal-Vas” co segundo e “Picoñasa” co terceiro. Por último na categoría de fantasía a gañadora foi a comparsa Terra de Condes con “Yo no soy tu reina. Esto es Esparta”. Ademais o xurado concedeu unha mención especial á Asociación Cultural Paradela de Gondomar, pola participación interxeneracional na comparsa “Grease”.