“O Gran Camiño” pasará este venres por Gondomar, Nigrán e Baiona

A segunda edición de “O Gran Camiño”, o novo formato da Volta Ciclista a Galicia que se disputará do 23 ao 26 de febreiro en catro etapas, unha por provincia, atravesará Gondomar, Nigrán e Baiona este venres día 24 ao mediodía. A entrada por Vincios está prevista para as 13:30 horas aproximadamente, e o paso pola Meta Volante no centro de Gondomar para as 13:45 horas. Media hora antes dos horarios previstos do paso do pelotón produciranse cortes de tráfico, que se restablecerá con normalidade despois do seu paso. Tras deixar atrás a Vila Condal os ciclistas tomarán dirección A Ramallosa, para despois percorrer a travesía litoral de Santa Cristina en dirección Baiona e Baredo para seguir pola PO-552 ata a saída cara a Oia.