Nigrán bonifica cun 95% o IBI de todas as entidades socio culturais do municipio

O Concello de Nigrán bonificará nun 95% o IBI de seis entidades socio-culturais da localidade despois de que se aprobe no pleno ordinario do 28 de febreiro unha moción do goberno para consideralas de interese ou utilidade municipal. Esta declaración permitirá que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio no máximo permitido por lei.

A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e “AVCD O Castro” de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 por cento.

“Supón un aforro para eles de preto de 1.500 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, subliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, “polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.