Localizado o corpo sen vida dun pescador fronte a Monteferro

Os servizos de emerxencia localizaron este xoves o corpo sen vida dun pescador que desaparecera en Nigrán. O 112 Galicia recibiu a alerta da falta do pescador a través dun dos seus familiares, ás 14:30 horas. Segundo indicaba na súa comunicación, o home fora pescar ás 9:30 desta mañá a Monteferro e non conseguían contactar con el, nin tampouco o vían na zona. Engadía que o seu vehículo estaba aparcado no lugar, nas Peninzas de Monteferro.

A partir aí, activouse un dispositivo por terra, mar e aire para dar co pescador. Neste operativo interveu a Garda Civil, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero Pesca 1, a Policía Local e o GES do Val Miñor. Ao fío das 15:50 horas, unha patrulleira da Garda Civil localizou o corpo sen vida do home a uns cincocentos metros da zona na que pescaba. Esta embarcación trasladou o cadáver ao porto de Baiona.