Colindres e Almagro, dobre reto para o renovado Vigo-Rías Baixas

Despois de iniciar a tempada en Portugal hai dúas semanas, o Vigo-Rías Baixas desdóbrase por primeira vez este curso para competir en dúas frontes. A estrutura presidida por José Luis Chamorro participará este sábado e este domingo no Memorial Manuel Sanroma en Almagro (Ciudad Real) e no díptico organizado polo Club Ciclista Colindres en Cantabria. O renovado proxecto flúor aliñará entre ambas as dúas citas a dezaseis corredores.

O capitán de ruta do conxunto olívico estrea a campaña 2023 no evento que homenaxea ao malogrado sprinter Manuel Sanroma. O abulense Noel Martín forma parte do “oito” que Jesús Blanco Villar leva a terras manchegas. Keegan Swirbul, Iago Carou, Alejandro del Cid, Sergio Quevedo, Cristino Lanchas, Joan Cadena e Alexander Durrant-White serán os outros compoñentes do equipo.

A XXIII edición do Memorial Manuel Sanroma repite o percorrido do ano pasado. A proba que habitualmente supón último ensaio antes do arranque da Copa de España, abrirase o sábado cunha etapa de 120 quilómetros, na que o vento pode ser a gran ameaza para os ciclistas, e o domingo presentará un perfil máis montañoso sobre unha distancia de 160 km.

Colindres

Un formato diferente, dúas carreiras dun día sen clasificación xeral conxunta, ofrece a fin de semana en Colindres. Miquel Valls e Asier González, protagonistas polo seu bo rendemento na Prova de Abertura a principios deste mes, estarán á fronte do bloque do Vigo-Rías Baixas. Baixo a dirección de Djamel Avendaño tamén competirán nas estradas cántabras Aitor Bugarín, Martín Barrero, Pelayo Alonso, José Pérez, Marcos García e Miguel Marques.

A primeira das dúas probas que pon en xogo puntos para as clasificacións da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) será o III Memorial Jesús Pereda, de 134 quilómetros e catro portos. Ao día seguinte, o domingo, os especialistas na media montaña volverán atopar un terreo que se adapta ás súas características no XLI Memorial Juan Manuel Santiesteban, de 145 e cinco ascensións puntuables. Ambas as dúas citas terán inicio e final na localidade de Colindres.