Nigrán abre o Entroido o sábado 18 co concurso de comparsas

O Concello de Nigrán inaugura o sábado 18 de febreiro a programación de Entroido co tradicional concurso de comparsas presentado polo coñecido monologuista Pepo Suevos e con animación de rúa a cargo da batucada “Bate no Cobre” na apertura do desfile e durante a deliberación do xurado. En total, participarán preto de mil persoas repartidas en 13 comparsas de toda a comarca, sumando a máis numerosa delas 108 integrantes e a que menos 43. O desfile, como é habitual, comezará ás 21:00 horas e irá desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial e o fallo e achega de premios será in-situ. En caso de previsión de choiva a data mudaría para outra que se anunciaría con suficiente anticipación.

A programación do Concello continúa o luns 20 de febreiro cunha festa de Entroido infantil no Auditorio Municipal desde as 17:30 horas e, ao día seguinte, martes 21 desde as 18:30 horas, organízase un baile con música en directo do trío Azar e concurso de disfraces para todos os públicos con premio para o disfrace máis simpático, máis elaborado e parella máis danzarina. O Entroido nigranés proseguirá cunha excursión para maiores o domingo 26 de febreiro á “Festa do Lacón con Grelos” de Cuntis, evento para o que o Concello abrirá o 15 e 16 de febreiro o prazo de inscrición previa (de 9:00 a 12:00 no Pavillón de Panxón).

O seguinte prato estrela do Entroido nigranés será a tarde do sábado 4 de marzo co tradicional Enterro do Kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.