25 mulleres de Baiona participan na segunda edición do curso “Galegas Dixitais”

A acción formativa “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres coa que colabora a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, comezou esta semana no centro Multiusos Ángel Bedriñana. O programa, organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está financiado polos fondos europeos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero.

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración. O programa desenvolverase ata o mes de marzo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.