
Este sábado disputábase en Ribadavia o XXVI Memorial Alejandro Lorenzo – Campionato Xunta de Galicia de Menores de Campo a través. Ata a devandita localidade desprazábanse os atletas das categorías Sub-10, 12 e 14 da Sociedade Atlética Val Miñor para disputar esta competición, e a pesar de contar con varias e importantes baixas entre eles, os resultados foron moi bos para os seus mozos deportistas.
Destacar, entre outros resultados, o cuarto posto de Lena Riera na categoría Sub-12 feminino ou o sexto posto de Ignacio Costas na categoría Sub-12 masculino, e sobre todo o terceiro posto obtido polos mozos do equipo de Sub-14 masculino, composto por Bisrat, Jesús, Anxo, Brais, Julián, Iván e Aarón.
Pero non só o sábado tivo éxitos a Sociedade Atlética Val Miñor cos seus pequenos atletas, senón que o domingo tamén unha das súas atletas, neste caso Nadia Lia, disputaba coa selección de Galicia da categoría Sub-20 o Campionato de España de Campo a Través individual e de Federacións Autonómicas na localidade de Ortuella (Bizkaia), e onde, xunto coas súas compañeiras, obtivo un destacado sexto posto final.
E dunha fin de semana a outra, xa que o próximo 4 de febreiro se disputará en Expourense o Campionato Xunta de Galicia de Pista Cuberta, para as categorías Sub-10, 12 e 14, e ata Ourense acudirán novamente os máis pequenos do club, en busca de novos éxitos deportivos.