Gondomar entrega un diploma acreditativo ao seu voluntariado

Nun acto conxunto o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, fixo entrega dun diploma acreditativo de agradecemento ao corpo de voluntarios do municipio, composto por máis de trinta veciños que durante todo o ano colaboran nos distintos departamentos municipais de maneira altruísta. Dezaoito deles, forman parte do voluntariado do banco de alimentos que se encarga da repartición de comida a máis de setenta familias vulnerables coordinados pola concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro. Catro son os encargados de retirar e extinguir os niños de “vespas velutinas”, que, con axuda da escopeta marcadora, pértega e demais elementos retiran do municipio en compañía dos concelleiros Brais misa e Jose Manuel Chamorro, e que nos últimos catro anos levan retirados máis de mil niños. E outros dez que están vinculados ao departamento de Cultura e Turismo na celebración de todo tipo de eventos e baixo a supervisión do concelleiro Juan Bas e a concelleira Rocío Goberna.

Segundo o alcalde, “Gondomar conta cun grupo de voluntariado excepcional e moi comprometido socialmente, sempre dispostos a colaborar e cunha dedicación plena. Algo que é un luxo para calquera Concello, dado que fan un labor impagable”. Por iso desde o goberno local o compromiso co voluntariado é total, “é máis, consideramos que é o futuro nunha sociedade como a nosa, hai persoas cunha capacidade, formación e experiencia que non podemos desaproveitar”. “Por iso é polo que aprobamos un regulamento de voluntariado municipal e imos abrir en breve “a oficina de voluntariado”, cun funcionario exprofeso para xestionala, baixo a supervisión da concellería de Voluntariado que recae sobre o concelleiro Brais Misa”, concluíu o alcalde, Paco Ferreira.