O Vigo-Rías Baixas concéntrase en Baiona

A pretempada do renovado proxecto do Vigo-Rías Baixas conclúe en casa. O persoal e o staff técnico da estrutura presidida por José Luis Chamorro convivirá desde este sábado e ata o vindeiro mércores en Baiona. Un stage como posta a punto antes de que o calendario español e portugués do equipo flúor arranque na primeira fin de semana de febreiro.

O Hotel Bahía será o cuartel xeral da formación olívica durante as cinco xornadas de adestramento e formación. Os corredores non só acumularán quilómetros polas estradas do sur da provincia de Pontevedra, tamén recibirán charlas sobre aspectos relacionados co seu deporte como os hábitos saudables, mecánica ou comunicación. Ademais, o Vigo-Rías Baixas estreará as súas novas bicicletas Ridley e o equipamento confeccionado pola firma que desde esta campaña vestirá ao equipo.

Para o seu undécimo curso na categoría Elite-Sub23, a escuadra flúor realizou unha profunda remodelación do seu persoal e do seu corpo técnico. En Baiona concentraranse unha vintena de ciclistas, entre eles as dúas fichaxes procedentes do pelotón profesional: o estadounidense Keegan Swirbul e o balear Miki Valls. Respecto aos últimos anos continúan referentes do equipo como Asier González, Pablo Ara e Noel Martín.

Ao mando dun grupo de corredores que terá como principais obxectivos a Copa de España e as voltas máis importantes do panorama estatal estarán os novos responsables deportivos do Vigo-Rías Baixas. Jesús Blanco Villar exercerá de director e Djamel Avendaño de coordinador. Xunto a eles traballará Pedro Valverde, responsable de rendemento por segunda tempada consecutiva.

O calendario de competicións, que se prolongará ata outono, levantará o pano a próxima semana. Os olívicos disputarán a Volta ao Guadalentín na Rexión de Murcia e a Prova de Abertura na rexión portuguesa de Aveiro. Na cita lusa compartirán pelotón con conxuntos profesionais.