Nigrán ofrece por vez primeira no Centro Social de Vilameán un curso anual para axilizar a memoria

O Concello de Nigrán ofrece por vez primeira no Centro Social Municipal de Vilameán un curso para axilizar a memoria destinado a persoas maiores de 65 anos empadroadas no municipio. Este dará comezos en febreiro e se estenderá ata decembro (con descanso estival do 15 de xuño ao 19 de setembro) constando dunha sesión semanal os martes de 16:30 a 18:00 horas ou xoves de 18:00 a 19:30 horas, tendo un custe de 20 €. O curso consta de 40 prazas e os interesados poderán inscribirse o martes 31 de xaneiro ou mércores 1 de febreiro de 10:00 a 13:00 na Oficina de Información Cidadá (planta baixa do Concello), tendo prioridade aqueles que nunca o realizaran ou aqueles que non obtivesen praza no do Centro de Maiores de A Ramallosa.

Estas 40 prazas súmanse ás outras 60 que o Concello ofrece no mesmo curso no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa, onde tamén se imparte Informática básica (40 prazas) e “Vivilo Corpo” (30 prazas), os tres para maiores de Nigrán. “É un curso con moita demanda e que por vez primeira duplicamos para poder celebrar en Vilameán, no núcleo urbano de Nigrán, así garantimos que con 110 prazas en total ninguén se quede fóra”, explica o alcalde, Juan González. Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa de obradoiros de envellecemento activo que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.