“Avicolor Pinturas” gaña o certame “Decorando Baiona no Nadal”

O salón de plenos do Concello de Baiona foi o escenario do acto de entrega dos premios do certame “Decorando Baiona no Nadal” que convocou a Concellería de Comercio e Mercados dentro das súas actividades de promoción e dinamización comercial. Na presente edición do concurso participaron nove establecementos. A temática do concurso estivo vinculada á decoración de Nadal durante os meses de decembro e xaneiro o que contribuíu a crear un ambiente festivo propio destas datas.

Dende o Concello de Baiona premiouse aos negocios que mellor engalanaron as fachadas, escaparates e o interior dos seus establecementos comerciais. Deste xeito, o primeiro premio dotado con 500 euros recaeu no establecemento “Avicolor Pinturas”, o segundo galardón dotado de 300 euros foi para “Naútica As Estelas” e o terceiro premio dotado de 200 euros foi para “A Nova Esquina”.

Na entrega estivo presente o rexedor, Carlos Gómez Prado, que agradeceu e felicitou aos gañadores pola súa participación no concurso e pola súa contribución para dar ese toque do Nadal á vila. Así mesmo, quixo destacar a participación dos establecementos e o agradecemento por animar e atraer ao público con este tipo de actuacións.

No acto de entrega tamén participaron a Concelleira de Comercio e Mercados, Andrea Pérez González, a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, así como distintos membros do xurado, que estivo composto polo presidente de ACEBA, o vicepresidente de OVALMI, un representante de COEMSA, unha persoa destacada no municipio relacionada coas Belas Artes e 3 funcionarios do Concello.