Bugarín, Villarino e Marques completan o persoal do Vigo-Rías Baixas

O renovado proxecto do Vigo-Rías Baixas contará esta campaña cunha ducia de caras novas. A nómina de incorporacións que a estrutura presidida por José Luis Chamorro foi desvelando durante as últimas semanas complétase con tres novos ciclistas que posúen experiencia na categoría. O ponteareán Aitor Bugarín, o guadalaxareño Mario Villarino e o portugués Miguel Marques vestirán de flúor na tempada que está a piques de arrancar.

A fichaxe de Aitor Bugarín supón para o conxunto olívico facerse cos servizos dun dos ciclistas máis destacados do panorama galego. O de Ponteareas brillou o pasado curso na Volta a Zamora, terminando segundo nunha etapa, e engadiu o Gran Premio da Montaña do Trofeo Olías Industrial ao seu palmarés de éxitos en clasificacións secundarias. “Son un corredor batallador, con boa lectura de carreira, ao que lle gusta sempre estar na brecha e xogar a gañar. Deféndome en todos os terreos, pero prefiro as carreiras duras e con subidas”, afirma aos seus 24 anos.

Outro corredor Elite é Mario Villarino, de 23 anos. Natural de Guadalaxara, caracterízase polo seu perfil “todoterreo” e por non gardarse un gramo de forza en favor dos seus compañeiros. “Sei sufrir e colaborar”, indica o castelán, quen aínda en idade de participar nas probas da Copa de España non dubida á hora de sinalar a súa principal calidade: “Son capaz de dalo todo para que o equipo some vitorias”.

Neste trío de altas o acento luso pono o sub23 Miguel Marques. O escalador de Cantanhede, de 20 anos, defendeu na súa etapa como júnior as cores do Bairrada, viveiro dos principais talentos do ciclismo portugués, e no Vigo-Rías Baixas busca “dar un paso adiante na miña carreira e esta estrutura é unha das mellores para iso”. Do mesmo xeito que Aitor Bugarín e Mario Villarino procede da formación do Louriña.

Estes reforzos únense aos de Keegan Swirbul, Alejandro del Cid, Miki Valls, Iago Carou, Joan Cadena, Jordi Artigues, José Pérez, Pelayo Alonso e Sergio Quevedo. O staff técnico formado por Jesús Blanco Villar, Djamel Avendaño e Pedro Valverde tamén terá á súa disposición a sete corredores que renovaron a súa vinculación coa escuadra flúor: Noel Martín, Asier González, Pablo Ara, Cristino Lanchas, Martín Barrero, Marcos García e Bernat Tarrés.