Baiona abre o prazo de solicitudes para participar no Real Mercado da Arribada 2023

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona xa traballa nos preparativos da Festa da Arribada 2023, que se celebrará o primeiro fin de semana de marzo -3, 4 y 5-. O prazo para presentar as solicitudes de postos de venda no Real Mercado Medieval está aberto desde este luns 16 de xaneiro e ata o 9 de febreiro, ambos os dous días incluídos. A organización do evento pon ao dispor dos artesáns 70 postos do Concello, que serán sorteados entre todas as solicitudes. Todas as persoas interesadas en obter autorización para a instalación dos postos de venda no Real Mercado Medieval da Arribada deberán cubrir a solicitude oficial e Declaración Responsable e presentalas no rexistro xeral do Concello ou a través da sede electrónica.

Toda a información necesaria para realizar a solicitude atópase dispoñible na web oficial do Concello de Baiona. Tamén poderá presentarse nas formas previstas na Lei 39/2015, de procedemento administrativo común. Non obstante, no caso de presentarse fóra do Concello, o/a solicitante deberá dirixir por correo electrónico á dirección mercadoarribada@baiona.gal unha copia da instancia debidamente presentada con anterioridade ao remate do prazo a efectos de que poida ser incluída na relación de solicitantes. En caso contrario inadmitirase dita solicitude. Desde a Concellería de Cultura do Concello de Baiona habilítase o teléfono 699199400 para información e resolución de dúbidas.