O IEM denuncia que máis de 20 restos arqueolóxicos veríanse afectados de saír adiante o Parque Eólico Toroña

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) vén de presentar denuncias ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Instituto de Estudos do Territorio e o Concello de Baiona, pola gravísima afectación patrimonial que causaría o Parque Eólico Toroña, e en concreto a implantación dos aeroxeradores T1, T2 e T3, se este conseguira finalmente unha Declaración de Impacto Ambiental favorable.

Segundo o IEM, máis de 20 restos arqueolóxicos sen catalogar e sen descubrir ningún deles polos arqueólogos contratados pola promotora do Parque Eólico na redacción do “Estudo de impacto arqueolóxico para o PE Toroña (O Rosal, Oia, Baiona)” que conforma o proxecto, quedarían irremediablemente afectados, cando non definitivamente destruídos pola construción de dito parque.

“É polo tanto urxente que as administracións actúen con celeridade e eviten cos seus informes sectoriais que se produza esta desfeita irreversible. Lembremos que o Parque Eólico Toroña está neste momento a exposición pública e en período de alegacións ata o vindeiro 23 de xaneiro e as administracións están redactando os preceptivos informes sectoriais relativos ao parque eólico”, conclúen desde o IEM.