Nigrán abre o prazo de inscrición para os cursos de “Envellecemento Activo”

O Concello de Nigrán abre do 17 ao 19 de xaneiro o prazo de inscrición para os tres cursos do programa “Envellecemento Activo”: Informática Básica (martes ou xoves en horarios de mañá, 40 prazas), “Obradoiros de Memoria” para previr o deterioro cognitivo (martes ou xoves en horarios de tarde, 60 prazas) e “Vivilo Corpo”, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación (martes e xoves en horario de mañá, 30 prazas). As tres modalidades se celebrarán no Centro da Terceira Idade da Ramallosa e están dirixidos a maiores de 65 anos e/ou xubilados empadroados no municipio, tendo prioridade os que nunca os cursaran (en caso de solicitar varios, débese indicar a orde de preferencia para baremar). Os interesados deben solicitar praza na planta baixa do Concello (o primeiro día no salón de plenos e os seguintes na Oficina de Información Cidadá) do 17 ao 19 de xaneiro de 10:00 a 13:00 horas. As prazas se cubrirán por rigorosa orde de solicitude tendo en conta os criterios sinalados. O de Informática será impartido polo profesor xubilado Antonio Lago e os outros dous foron adxudicados a AFAGA. Os cursos comezan a partir do 7 de febreiro e se estenderán ata finais de 2023 con descanso estival e, novamente, un custe total de 20 €.

Adicionalmente, e debido á alta demanda da veciñanza, o Concello abrirá nas vindeiras semanas o prazo de inscrición para outro curso de “Memoria” no Centro Social de Vilameán. Constará de 40 prazas e terán prioridade os que quedaran fóra (se é o caso) no que se ofrece agora na Ramallosa. Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán. O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.