O PP de Nigrán esixe á Deputación a mellora do trazado da EP-2102 que une A Tarela con Vincios

O Partido Popular de Nigrán esixe que a Deputación de Pontevedra poña en marcha canto antes un proxecto de mellora do trazado da estrada que une A Tarela con Vincios, a EP-2102, que suprima curvas e amplíe o ancho do viario e dóteo das beiravías axeitadas “en vista do abandono e do pouco interese do Alcalde e non nos tome o pelo aos veciños cun proxecto de senda peonil”.

O 30 de novembro do 2020, os populares xa solicitaron en pleno que se fixese un proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria, onde incluían a corrección de curvas perigosas, a adecuación do ancho da calzada a 10 metros, nas zonas onde sexa posible, e a preparación de beiravías, “ao que o Alcalde respondeu indicando que o que querían os veciños era unha senda peonil, o caso é que despois de consultar a numerosos veciños, a opinión é unánime: Iso da senda peonil é para que os turistas anden o fin de semana, porque o que nós, o que queremos, e un viario que ao menos teña beiravías e que se poida pintar a mediana, porque agora non dá nin pa iso”.

En resumo, para o PP unha situación terceiromundista para un viario que leva máis de 40 anos abandonado, salvo nalgún pequeno tramo que se arranxou, “e o que nos propón o Alcalde é que vaiamos de paseo pola senda, parece que non se deu conta que os viarios son principalmente para os vehículos, e como non ten que levar aos seus fillos ao colexio de Chandebrito, non sabe dos sustos que levan os pais por ese trazado”.

“É verdadeiramente lamentable, que tendo desde a anterior lexislatura unha representante do PSOE de Nigrán na Deputación de Pontevedra, non se preocupasen no máis mínimo deste trazado, cando é o único viario de acceso desde Nigrán á parroquia de Chandebrito. O viario é estratéxico e vertebrador para o municipio, ademais de intermunicipal xa que tamén facilita o acceso desta parroquia con Gondomar”, conclúen os populares.