Loito oficial na Deputación de Pontevedra polo tráxico accidente de Cerdedo-Cotobade

Consternación, dó e loito oficial na Deputación de Pontevedra por mor do tráxico accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade, no que sete persoas perderon a vida e outras dúas sufriron feridas de diversa consideración, todas elas residentes en concellos da provincia (Agolada, Lalín, Nigrán, Soutomaior e Vigo). Desde esta mañá e durante tres días, as bandeiras dos edificios provinciais (Pazo, Edificio administrativo e sede de Vigo) permanecen a media hasta en sinal de loito pola traxedia, que xa se considera o peor accidente de autobús en todo o territorio español desde 2016.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, trasladou as “condolencias da corporación e o noso agarimo ás familias e seres queridos das persoas falecidas no terrible accidente, e ás persoas feridas ás que desexamos unha pronta recuperación”. Carmela Silva agradeceu tamén o traballo de todos os dispositivos mobilizados no operativo de rescate, no que participaron efectivos do Consorcio Provincial Contra Incendios, e asegurou que o suceso “só se pode definir como unha auténtica traxedia. Non hai palabras para describir a dor que sentimos en toda a provincia ante a perda de seis veciñas e veciños do noso territorio, especialmente nestas datas de Nadal”.