A Concellería de Igualdade de Baiona reparte a axenda igualitaria 2023

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona está a repartir a axenda igualitaria 2023 que ten como protagonistas a 12 mulleres destacadas de Baiona. Desde a Concellería quíxose recoñecer nestas axendas o papel que ten a muller no municipio, a través de doce baionesas que foron pioneiras en diferentes campos. Así, cada un dos meses está dedicado a unha muller da vila, algunhas suficientemente recoñecidas e outras do todo descoñecidas ata o momento. Detrás de cada unha destas mulleres hai unha historia de loita pola igualdade que merece que os seus conveciños e conveciñas coñezan. As biografías destas mulleres viron a luz grazas á investigación levada a cabo por Víctor Miguel Fernández.

A Concellería de Igualdade, encargada de editar estas axendas, aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A selección das homenaxeadas foi levada a cabo polo persoal do Centro de Información á Muller. “Somos conscientes de que no noso municipio son moitísimas as mulleres que deberían ter un oco nesta publicación, pero tivemos que facer unha selección”, aclara a edil de Igualdade. A axenda está sendo entregada a profesionais do municipio de distintos ámbitos como o sanitario ou o docente.