O internacional júnior Jordi Artigues elixe ao Vigo-Rías Baixas

Unha das grandes promesas do ciclismo español aposta polo Vigo-Rías Baixas para debutar como Sub23. O balear Jordi Artigues defenderá a próxima tempada a camisola da estrutura presidida por José Luis Chamorro. A sétima alta do conxunto flúor para o seu novo proxecto cambia de categoría tras lograr a condición de internacional júnior.

Nas filas do Manuela Fundación durante as dúas últimas campañas, o corredor de Sencelles formou parte o pasado mes de maio da Selección Española que disputou o Trophée Centre Morbihan, proba francesa da Copa das Nacións Júnior. Gañador en 2022 dunha etapa na Volta ás Comarcas – Rexión de Murcia e do Trofeu Segurclas de Sa Pobla, outros dous resultados falan por si sós do seu potencial: cuarto na carreira en liña do Campionato de España e quinto na Bizkaia Klasika.

Aos seus 18 anos, o mallorquino recibiu propostas dos conxuntos máis destacados do pelotón Elite-Sub23 e entre todos os seus pretendentes elixiu ao Vigo-Rías Baixas. “É un gran equipo cunha gran estrutura. Teñen as ideas claras e coinciden cos obxectivos que me marquei para a próxima tempada”, sinala Jordi Artigues, que tamén domina o ciclismo en pista e en 2020 proclamouse campión de España cadete de keirin.

A velocidade é un dos seus puntos fortes e coa escuadra flúor quere brillar “chegando ao sprint en grupos reducidos”. Como outra das súas aspiracións aparece “disputar as fugas” e, sobre todo, no seu primeiro ano de Sub23 está mentalizado para “axudar ao equipo en todo o posible e poder desenvolverme como ciclista”.

Esta incorporación supón a quinta fichaxe do Vigo-Rías Baixas no campo xuvenil. Xunto a Jordi Artigues descubrirán o calendario Elite-Sub23 o galego Iago Carou, o catalán Joan Cadena e os asturianos José Pérez e Pelayo Alonso. A expensas de concretar máis novidades, a entidade flúor tamén se reforzou cos profesionais Keegan Swirbul e Miki Valls.