Peter Punk súmase ao acendido do alumeado de Nadal de Nigrán

O Concello de Nigrán realizará o acendido do alumeado de Nadal este mércores 7 de decembro ás 19:00 horas. Dende as 18:00 horas haberá unha actuación de Peter Punk Pallaso para o público máis cativo e despois do acendido, ás 19:00 horas, un concerto do grupo local San Rockers na Praza do Concello. Os núcleos urbanos do municipio prenderán as súas luces nese intre e, durante o resto da semana, se estenderán a todas as parroquias.

Peter Punk, veciño de Nigrán, é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de 1000 funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto. San Rockers, formado no ano 2012, é un grupo composto por músicos de Nigrán que conta cun repertorio formado por cancións orixinais e música española dos 80, 90 e 2000, polo que a festa está garantida.