A escritora nigranesa Soledad García acada o terceiro premio Leiras Pulpeiro

A escritora Soledad García, que recibía nas últimas semanas en Baiona o primeiro premio do certame de relato curto “O Enxeño Engaiolado” coa obra “Nunha vila caben todos os ventos”, continúa conseguindo distincións, nesta ocasión como poeta. A súa obra “Aposiopese” acada o terceiro premio na XI edición do prestixioso certame de poesía Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo. O primeiro posto foi para o poeta Xurxo Alonso García, coa obra “O outro lado”, e o segundo lugar recaeu na obra “Na ferradura interna do lóstrego”, da que é autor Tito Pérez Pérez.

Soledad García é unha escritora cun compromiso medioambiental no Val Miñor. Autora de catro libros educativos infanto-xuvenís: “Dedas”, “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona” e “Samagostín”. E do poemario “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida”. Forma parte do grupo de fusión de arte Solaina e do PUGA no Instituto de Estudos Miñoráns.