O Nigránbus ampliará o seu percorrido a Estrada pola Vía, Prado e Priegue

O Concello de Nigrán ampliará desde o 1 de decembro o percorrido da liña municipal “Nigránbus” a Estrada pola Vía (Panxón e Prado) e Priegue para así dar resposta ás demandas recibidas. O cambio non afectará ás paradas e horarios establecidos actualmente porque só supón trocar a cabeceira actual desde o Centro Antena (Otero Pedrayo) ao cruce da rúa Don Marcial con Navás. Así, este punto de Priegue será o principio e fin da liña, que abarcará a Igrexa, Mestra Emérita, Torreiro e Estrada pola Vía ata enlazar co Centro Antena e continuar co percorrido xa implantado (e á inversa na volta).

“Escoitamos as demandas de veciños destas zonas e consideramos positivo facer este cambio. O Nigránbus non é inamovible, faremos todos os trocos que sexan precisos segundo o balance de usuarios e as peticións razoables”, explica o alcalde, Juan González. “A tenor das demandas de veciños da zona de Prado, Navás e A Mámoa consideramos que si era factible e lóxico poder conectar estas zonas peor comunicadas cos núcleos urbanos de Nigrán”, admite o rexedor. Co fin precisamente de realizar este troco, o edil de mobilidade, Diego García Moreira, mantivo onte unha reunión na Dirección Provincial de Mobilidade na que quedou aprobada a cuestión.

O Nigránbus é unha liña municipal que naceu co obxectivo de acabar coa desconexión histórica do transporte público de Nigrán coas parroquias do interior. Este minibus as conecta desde novembro, sendo practicamente a única localidade en Galicia en contar con este servizo intramunicipal (descontando as grandes cidades). O vehículo comunica o interior cos núcleos urbanos de Panxón, A Ramallosa, Nigrán e Porto do Molle cumprindo unha demanda ancestral da veciñanza do rural, que ata agora dependía do transporte privado para todo.

O servizo consta dunha liña que permite aos cidadáns de calquera parroquia do interior achegarse en máximo 45 minutos aos centros de saúde ou conectarse co autobús cara a Vigo-Baiona, con especial atención ao horario de enlace coa liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e Universidade. Está operativo de luns a venres con saídas desde Chandebrito ás 7:45, 14:00, 16:15 e de Panxón (Centro Antena) ás 10:30, 15:15 e 20:40 (a partir do 1 de decembro será Priegue, manténdose a hora de paso do Centro Antena). “Deseñouse de xeito que, por exemplo, unha persoa chegue a tempo ao centro de saúde a facer unha analítica ou consulta médica e poida regresar a continuación para casa e tamén para conectar coa liña á Universidade ou Hospital Álvaro Cunqueiro, tendo en conta ademais que abre a porta ao transbordo para ir a Vigo ou Baiona”, incide García.

Este fito histórico é posible tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como Servizo de Interese Municipal (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Isto significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un canon anual de 80.000 € máximo á Xunta. O convenio é flexible, podendo modificarse, ampliarse e adaptarse ás necesidades concretas que se detecten, como foi neste caso. Esta fórmula permite, á súa vez, que os viaxeiros se beneficien da Tarxeta de Transporte Metropolitano, é dicir, son gratis os transbordos e todo para menores de 21 anos ou hai as mesmas bonificacións a estudantes, xubilados ou desempregados (sen estes descontos sería 1,55 €). Cómpre subliñar que, a maiores, o Concello de Nigrán destina 50.967 € cada ano para bonificar o transporte metropolitano na área de Vigo aos seus veciños.

O vehículo provisional é de 22 prazas e a gasolina, pero tal e como solicitou o Concello, o definitivo será unha Mercedes Sprinter carrozada etiqueta “Eco” co fin de aforrar emisións e tamén de 22 prazas máis unha adaptada.