Nigrán ofrece polo 25-N a obra de teatro “Golpes”

O Concello de Nigrán sumarase como cada ano á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero o propio venres 25 de novembro coa posta en escena da obra “Golpes” ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar aforo. Esta peza, que antes estivo nos dous institutos do municipio, está dirixida por Xosé Leis e interpretada pola actriz Estíbaliz Veiga. “Golpes” denuncia, dun xeito directo e sen ambaxes, a violencia machista a través da voz de Pamela, unha muller que namorou baixo os postulados do amor romántico e rematou sendo vítima de violencia. Pamela recibiu moitos “Golpes”, pero o máis grande foi verse a si mesma transformada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha outra muller pase polo mesmo. Dentro dos actos do propio 25-N, o Concello invita a participar a toda a veciñanza á lectura do manifesto ás 11:00 horas na Praza do Concello (fronte ao Auditorio).