
O goberno de Nigrán agradece o traballo realizado durante os pasados tres anos e medio pola ata agora edil de Cultura, Nuria Lorenzo, tras anunciar hoxe a súa dimisión e entrega da acta do PSOE durante a celebración do pleno ordinario do mes de outubro. O alcalde de Nigrán, Juan González, en nome do seu equipo, trasládalle os mellores desexos na súa vida profesional e privada e recoñece a súa labor durante todo este mandato pese ás diferencias que puideran ter. A partir de agora o rexedor asumirá de xeito directo a xestión da carteira de Cultura, tal e como fixo no goberno 2015-2018.
A seguinte persoa que a sucedería na lista de goberno é Mariluz Pérez Vidal, veciña de Camos vicepresidenta da Asociación Cultural “A Camoesa”’ e xubilada tras exercer na súa vida laboral como cociñeira nun cátering escolar da ensinanza pública. “Mari Luz é unha persoa moi participativa da parroquia de Camos, onde actualmente forma parte da directiva de A Camoesa, e estamos moi satisfeitos de encarar xunto a ela a recta final deste mandato”, resume González.